Relembrar permanentemente a relevancia que a cidade de Vigo ten para o conxunto do país e mesmo do Estado, cun papel destacado en diferentes sectores tamén no plano internacional, xa soa a cantinela reiterativa que coido parte máis da necesidade de autoconvencerse que dun exercicio de pedagoxia. Vigo é, per se, a principal urbe galega, case que unha das capitais do noroeste peninsular, e xunto con norde de Portugal un eixo de referencia europeu que moito hai que desenvolver. Alberga o principal núcleo povoacional de Galiza, aporta máis das tres cuartas partes do PIB galego e é o motor industrial e de servizos do noso país. Pero unha cidade é mais que un espazo xeográfico no que conlfuen actividades economico-productivas, é un espazo de desenvolvemento vital, de desenvolvemento persoal, humano.
Vigo debe medrar, debe avanzar e ampliar a súa proxección como metropole atlántica na que deben converxer co maior grao de armonía a potencia económica dunha cidade industrial e unha cidade habitábel, humanizada, mellor dotada de servizos, e que garanta os maiores níveis de benestar para a veciñanza. Ese será o Vigo de futuro polo que a meirande parte da cidadanía aposta, e polo que por unha vez parecen converxer os principais axentes sociais, mais non todas as forzas políticas; algunhas esquecen a vocación e o servizo de cidade relgandoos a un plano secundario fronte ao tacticismo.
A cidade ten notorios défices, sobor de todo no relativo a infraestructuras, loxística e instalacións, ademáis de dotacións de servizos. A conexión co Porto Seco de Salvaterra, un verdeiro AVE, a re-ordenación do litoral (non para asoballar a ría, principal activo da cidade, senon para armonizar as necesidades dunha urbe portuaria co respecto escrupuloso ao meio ambente), a ampliación de Peinador, o cuarto centro hospitalario para Vigo e Área Metropolitana, a supresión da peaxe, a própria Área Metropolitana, a Axencia de Pesca, ou o tan sonado Auditorio, son algúns poucos exemplos de proxectos imprescindíbeis para a cidade pero que se adían permanentemente por falta de vontade política.
O Estado ten unha débeda histórica con Galiza, xa que logo tamén con Vigo como principal cidade galega. Vigo ten medrado en boa parte grazas ao traballo da súa cidadania e ao afán inversor foráneo; como un adolescente emancipado a cidade olívica superou o inadmisíbel esquecemento institucinal e a marxinación orzamentaria á que permanentemente Estado e Xunta a someteron. Pero há carencias que non se poden suplir só con boa vontade, é imprescindíbel que Estado e Xunta se comprometan coa cidade, e que concreticen esos compromisos con partidas concretas que financien proxectos concretos con prazos concretos. É iso o que se debe exixir.
É o que debe exixir tamén o próprio Concello de Vigo, destacadamente desde a súa Alcaldía, pero non para empregar a defensa dos intereses da cidade como arma electoral, segundo quen ocupe a Xunta ou o Governo do Estado, deformando reclamacións lóxicas e razonábeis en choromiqueos inconcretos que nos restan peso negociador. A cidade anda, é certo, porque a estas alturas a cidade andaria case que practicamente soa, pero anda lento e mal, e a inercia non é movememnto, cando menos non o movemento que Vigo precisa.
Volven soar agora con forza as voces que reclaman un cambio político, pero non por un inconsistente "quitate ti para poñerme eu, non para un mero intercambio de sillóns, senon para cambiar a inercia por movemento. O actual governo municipal demostra a súa incapacidade para liderar a cidade, para actuar con decisión en temas "de cidade", ao marxe de diferencias partidarias, porque fica atado ao tacticismo do PP galego cara as autonómicas e carece dun minimo programa politico que sustente a sua inexistente visión de cidade. Un terceiro ocupante da Alcaldía ou un cuarto governo municipal é certo que poderían semellar desnortados, pero o que hoxe se sinala como "o menos malo", nen o é nen só terá custos a curto prazo, e Vigo xa perdeu demasiados anos (mesmo con governos de maioría absoluta, absolutamente inoperantes), como para conformarnos coa paz e a tranquilidade da ineficacia, que son as maneiras sutís do auto-odio vigués.
===
Publicado en
Vigo Metropolitano o 16/03/05,
Galiza Indymedia o 16/03/05,
Xornal.com o 17/03/05,
Arredemo.info o 17/03/05 e en
GalizaCIG-Actualidade o 19/03/05.
(Fotografía: Atardecer. Vista da Ría de Vigo desde O Castro, ©Fernando Pol, 30/08/2004. Tirada de www.galizacig.com).