|| CONTRA DISCURSO ||


Luns, 09 de Maio de 2005

No nome da esperanza, CAMBIO GALEGO.

Por xabiergz a las 4:20
Imagen

Inseridos na dinámica da precampaña electoral todos os resortes comezan a funcionar, e a maquinaria, se cadra sen moito tempo para ser engraxada, comeza a andar. A intensidade coa que arranca esta campaña eleitoral, agochada tralo prefixo, evidencia que este proceso eleitoral non é unha convocatoria, nen normal, nen ao uso, e demostraa como un feito trascendente para este país. Unha oportunidade histórica de cambiar o rumo do país.

Dixen en reiteradas ocasións, a través de diferentes artigos, que fico convencido, por moitas razóns, de que Galiza precisa un cambio político urxente. Nese ponto serán multiples as coincidencias, inda que matizadas.

E eu matizo: defendo o cambio para Galiza, mais debe ser un cambio real, efectivo, profundo... e propriamente galego, pero tamén nidiamente diferente. Non me valen subsitucións inérticas, cambios de asento ou de nome. Reclamo máis respecto por este país, polas súas xentes. Respecto que se articule con políticas que defendan os intereses do país por riba dos intereses dun ou doutro lobby económico, ou meiático; por riba dos dictados das sedes madrileñas de PSOE e PP, de Ferraz ou Génova.

Esixo un governo galego que exerza de tal, que nos faga presentes dos grandes debates de estado, nos que historicamente sempre nos obviaron. Esixo un Presidente da Xunta de Galiza, que devolva a dignidade e o respecto ao decorrer diario do Parlamento, que escoite á cidadanía, que a respecte e que lle dea solucións aos seus problemas. Aposto por un governo de progreso pero en clave galega, nado por e para Galiza e non para substituir o logotipo do cartel de sucursal que o PP de Fraga nos colgou, como residuo colonialista dun estado que se recentraliza.

Fraga debe acabar nas bancadas da oposición. O PP debe ser derrotado o vindeiro 19 de xuño. Pero non por xenreira, non por odio, non por afán de substitución mimética. Deben deixar o governo galego, porque defraudaron a este país, porque nos venderon aos brazos do governo amigo de Aznar, porque lle deron as costas a este país consentindo e mesmo potenciando a desarticualción da forza productiva, xa que logo económica, do noso país, calculando os beneficios desa política tan lesiva (que pregunten ás e aos 200.000 mozas e mozos que tiveron que emigrar do país) en base ao número de kilometros asfaltado. Porque son unha indignidade.

A inalienábel reclamación dunha rede de infraestructuras, non unicamente viarias, que vertebren territorialmente o país, que o comuniquen internamente e tamén co resto da península e con Europa, non pode ser entendida como moeda de troco; non a cambio de converternos en país consumidor renunciando á nosa potencialidade productiva. Non vale o troco de autovías a cambio de cota lactea, ou reconversión naval, porque saimos perdendo. Sempre saimos perdendo. Galiza debe comezar a gañar.

A moitas e moitos non nos vale unicamente un cambio de cara. Non nos servirá a substitución dun nome por outro. Dun talante por outro. O cambio de formas é imprescindíbel, pero as galegas e os galegos queremos máis que iso. Esiximos outro talante pero cun cambio de fondo, tamén no trato que recebemos por parte do estado. Esiximos respecto, e que se nos teña en conta.

Fraga debe ser barrido da política galega, porque supón un acto de traición ao país, aos seus intereses, e a súa cidadanía.

Os resortes funcionan, a maquinaria anda, dixen antes. Diferentes intelectuais están a facer circular un manifesto baixo o nome de "No nome da esperanza, xa vai". Antón Losada, profesor e analista político, acaba de manifestar a súa disidencia cun texto que califica de "manipulado" para chamar ao voto ao PSOE, e afirmou sentirse enganado polo escritor Suso de Toro, polo que reutoru a súa sinatura dese texto. É se cadra a evidencia máis rechamante de que desta volta, non só hai que pedirlles as galegas e aos galegos que acudan a votar, destacadamente á xente moza, senon que abran ben os ollos porque haberá moito gato por lebre, e Galiza non pode perder esta oportunidade.

Por honestidade, por dignidade parafraseo a Antón Losada e fago miñas as súas verbas: "Eu son nacionalista, quero un cambio galego e voto por Quintana".

No nome da esperanza, CAMBIO GALEGO.


===

Publicado en Xornal.com o 9/05/05, Vigo Metropolitano o 9/05/05 e en Diario Directo (En Español) o 11/05/05.

Comentarios

  • Fecha: Martes, 24 de Maio de 2005
  • Hora: 12:13
  • Autor: Anonimus
  • O que máis me gusta desta campaña é que se iniciou desde o ámbito social e cidadá antes que desde o ámbito político. A cultura cívica participativa e activa deunos a todos un gran exemplo. É interesantísimo.
    www.blogia.com/deposito