Maio comeza coa reivindicación do Dia Internacional do Proletariado, e coa esixencia de condicións de traballo dignas que nos garantan un benestar colectivo e individual. Comeza con manifestacións, berros, consignas, xa que logo con soños, con arelas, con desexos, con utopía.
Há case corenta anos, vinte máis dos que teño no haber da miña experiencia persoal, en París sucedía un dos feitos históricos máis trascendentes da nosa historia recente. O maio do 68, do que hoxe, a miña xeración pouco sabe, pero que foi un ponto de inflexión, non polo resultado do proceso, nen polo proceso en sí, senon polas súas causas.
Nun país como Franza que nesas alturas do século XX vivía nunha situación de boa marcha económica e productiva, co levantar que supuxo a pos-guerra, foi absolutamente imprevisto que se iniciase un proceso de rebelión atípico e absolutamente inusual, que non entra en ningun modelo estandarizado de proceso revolucionario. O maio do 68 creou categoría de producto, como se di en marketing e publicidade.
Sorprendeu de entrada o protagonista desa rebelión. Apareceu por primeira vez a mocidade, o estudantado, como actor protagonista da vida social e política. Naceu daquela o poder estudantil. Eran os 60 e Martin Luther King, e Kennedy foran asasinados. O Ché era asasinado en Bolivia. Cuba comezaba a súa revolución trala toma do poder e a expulsión de Batista. Momentos históricos dificeis. Era a xeración que superara a posguerra, que nunca pasara fame... En troques iniciaron un proceso de loita que inda nos emociona aos románticos da política, os que inda soñamos con utopias, e falamos de política no seu sentido máis xenuino e non do concepto deturpado do xogo institucional tantas veces devaluado.
O sorprendente foi que non existia unha causa definida, como tal, para esa rebelión. Non se enfrentaban nen a unha dictadura, nen a unha crise económica, nen a un estado de excepción. Pero o que se cuestionaba no París de consignas de Jean Paul Sartre non era unha circunstancia, loitabase contra o establishment, contra o sistema na súa totalidade, e sobor de todo contra o xeito de vivir daquela época. Non se pretendia parchear o sistema, pretendiase derrubalo a golpe de adoquín, slogan en grafitti e consigna na rúa.
O 13 de maio de 1968 máis dun millón de franceses, estudantes, obreiros, artistas... se manifestaban en París, nunha das maiores manifestacións trala liberación do nazismo en 1945. Parou a Renault, e os movementos da esquerda organizada, sempre tan desconfiados, insertaronse de pleno nese proceso, no que as forzas sindicais sumaron o seu empuxe ao estudantado.
Pero todo se rematou. De Gaulle convocou eleccións e gañou de novo, inda que tivo que retirarse ao ano seguinte. Di Ismael Serrano (en "Papá cuentame otra vez"):
"Papá cuéntame otra vez que tras tanta barricada / y tras tanto puño en alto y tanta sangre derramada, / al final de la partida no pudisteis hacer nada, / y bajo los adoquines no había arena de playa. // Fue muy dura la derrota: todo lo que se soñaba / se pudrió en los rincones, se cubrió de telarañas, / y ya nadie canta Al Vent, ya no hay locos ya no hay parias, / pero tiene que llover, aún sigue sucia la plaza."
Seguramente de ter habido algún catalizador, unha correa de transmisión, unha estructura organizada sobor da cal asentar ese proceso de mobilización social, moitas das reividicaciósn terían calado, como triunfaron na Rusia do 1917; mais alí estaba o leninismo como meio para a construcción dunha sociedade socialista.
Pero aquel proceso que fixo tremer ao governo da sempre estábel democracia francesa, e mirar con medo ao resto de governos europeus, evidenciou o poder da mocidade, e dalgunha maneira o poder dos soños, da utopía.
"Sexan realistas, pidan o imposíbel", rezaba algun coñecido grafitti nas paredes de París.
En Galiza o reaxir do Nunca Máis chegou a emocionarnos, crendonos parte dunha grande onda de cambio que asolagaría o país; auga fertil do cambio que Galiza precisaba e precisa. Mais decepcionaron os resuldados políticos reais... cecais haberia que terlle dado tempo a auga para que atopase o semente, ¿será este 19 de xuño?. Soñemos cunha Galiza de cambio, con Fraga na oposición e con Quintana de Presidente. Soñemos cunha Galiza orgullosa de si mesma, que xa non esté rendida aos pés da metropole. Construamos ese soño.
Non renunciemos a soñar, a desexar, a crer na utopía dunha sociedade xusta, igualitaria, plural, na que se respeite a diferenza, en paz, e que respeite ao meio ambente, dunha sociedade na que a carta de direitos humanos sexa realidade diaria... non renunciemos ao soño de socializar o direito á felicidade. Pero construamos esos soños, esas arelas, desde o presente, como no maio do 68, desde as nosas propias vidas.
"Pensar xuntos, non; Empuxar xuntos sí".
Non renunciemos á revolución, soñémola, fagamola!
"Ninguén se nos subirá enriba, senon dobramos o lombo." (Martin Luther King)
París, maio do 68. Galiza, xuño 2005.
Hai que botalos!
===
Publicado en
Xornal.com o 9/05/05,
Arredemo.info o 9/05/05,
Diario Directo (En español) o 9/05/05,
Rebelión (En Español) o 10/05/05,
El Inconformista Digital (En Español) o 11/05/05,
GalizaCIG-Actualidade o 12/05/05,
Culturactiva o 16/05/05,
Barcelona Indymedia (En Español) o 16/05/05,
IMC Euskalherria (En Español) o 16/05/05,
IMC Madrid (En Español) o 16/05/05 e
CMI Portugal o 16/05/05.