|| CONTRA DISCURSO ||


Xoves, 16 de Xuño de 2005

Cuestión de respecto.

Por xabiergz a las 14:22
Imagen

Comeza a ser cuestión non de cordura política, non de sensantez argumental, non de capacidade intelectual que cecais padece o menoscabo do inevitábel, e respetábel, paso dos anos; é cuestión de respecto, de educación, de esa urbanidade que o réxime fascista do que foi participe activo inculcou a golpe de vara e medo. Tratase de respecto democrático, pero tamén de respecto persoal e humano. En política non todo vale Don Manuel, agora xa non.

Se resulta deplorábel, sempre o resultou, a manipulación partidista e tacticista da dor humana provocada polo conflicto vasco, que o PP emprega como folla de ruta cada vez que se lle esgotan os argumentos políticos, non é menos deplorábel ver ao Presidente da Xunta, en funcións, mandar textualmente "ao carallo" ao lider da oposición por ter denunciado a insensibilidade do primerio para/con o meio rural (que lle pregunte ás xentes do agro).

Resulta inadmísibel a ultraxe á que someten ao eleitorado, á cidadanía, ás e aos posuidores da soberanía, quen por unha razón ou por outra decide non participar nun debate público, de contraste de ideas, de confrontación de argumentos e proxectos de país. Semella que tanto PP como en parte, sen comprender as posíbeis razóns, o PSdG de Touriño queiran xogar nestas eleccións a unha réplica mimética do referendo do Tratado Constitucional Europeu pero á galega... máis ben á madrileña... porque o que toca desta volta é votar a cegas, movidas/os pola fé ou pola iluminación divina ou meiática dunha ou doutra maquinaria de comunicación, pero nesta ocasión non para votar pola desaparición ou non de Europa (que foi como se plantexou en esencia o inexistente debate no referendo), senón para conservar o feudo que garanta o repunte dun PP desnortado ou ben para apuntalar a un governo central que pese ao bó talante demostrado segue obviando as necesidades deste país, ao que somete a un mercadeo intolerábel de peaxe sí, peaxe non.

Demostrase que há interese en alonxar os problemas reais, cotiás, e tanxíbeis que a cidadanía percibe, que nos afectan a todas/os... alonxar a realidade de marco galego... sinxelamente porque as grandes ausentes desta campaña electoral por parte das dúas grandes forzas estatais son as solucións, as medidas concretas propostas, a enumeración e explicación razonada de que política propoñen para estas coordenadas xeográficas, invisíbeis até o xacobeo electoral, de catro en catro anos, a ollos dos sucesivos governos centrais.

Na Franza deron unha lección de madurez democrática, ensinaronlle a Europa que probabelmente os procesos políticos son máis lentos cando se actúa con sensatez, pero que democracia en grau real, exixe de consciencia, de coñecemento, de vontade democrática conscientemente formada desde o coñecemento da diversidade... e o único xeito que vehicule esa circunstancia é que se dé aquí o que se deu en terras galas: o debate. Debate primerio entre os tres candidatos para velos en directo, en quente, lonxe dos planos amañados, das fotos arregladas, dos teletipos de gabinete ou de titulares dos meios afíns; debate sinxelamente para coñecer quen aspira a governar este país, e coñecer os porques, e o para que, e sobre todo o cómo. É o mínimo.

Quen aspira a liderar políticamente o país, debe ser quen de liderar o debate, e para iso aló menos há que asistir, non enviar segundas espadas por medo ao desgaste. Pero debate en cascada, que desde ese contrate entre candidatos, do que cada quen poida sacar as súas conclusións, e en igualdade de condicións uns e outros poidan gañar ou perder simpatías, sumar ou restas apoios, se xere un debate social aberto, sosegado, tranquilo co sentidiño e a serenidade que sempre nos caracterizou ás galegas e aos galegos. Debater entre nós, falar, conversar, dialogar... reflexionar, sobre que futuro queremos, para decidir por que opción apostar.

"O direito á información é a outra cara do sufraxio" posto que "(..) O acceso libre e continuado a información veraz e plural sobre a actividade do goberno, das forzas da oposición e a todos os indicadores obxectivos da realidade política, económica, social e cultural do país e da súa inserción no mundo (...) é imprescindíbel para a conformación democrática da opinión, que é a que acabará decidindo o sentido do voto." tal e como declaraba o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza no manifesto que baixo o título de "A información, ao servizo da cidadanía", introducindo dunha vez por todas o sentido común en campaña, e que ao tempo involuntariamente demostra o défice democrático que se padece na Galiza cun poder político que ademais de tecer redes clientelares e amparar a corrupción co silencio, e a negación á investigación, tenta controlar aos meios de comunicación (moitos deles axeonllados) a través de practicas escurantistas de "subvención". Exixir do governo galego que normalice democraticamente a vida galega, que respete e marque con claridade os límites que separan o poder político do direito á información é imprescindíbel, pero tamén é exixíbel que quen aspira a presidir o executivo galego dé a cara diante da xente.

É cuestión de respecto, de democracia. Non se pode consentir que na liza electoral o Presidente da Xunta, máximo referente institucional deste país, se atreva con impugnidade a afirmar que a un candidato lle "sobra serrín" ou que o necesario cambio político posibilitaría a aparición na escena galega de fenomenos violentos como en Euskal Herria. Repugnancia absoluta esa absoluta ausencia de sensibilidade social, de escrupulos, produce na xente de ben. A estratexia do medo xa non vale, xa non sirve, xa non é tolerábel. Da noxo.

Mais finalmente é razóabel non esperar respecto quen ten unha traxectoria política baseada na negación democrática do direito á diferenza... de Fraga non extraña, pero se cadra escama de quen ameaza con dimtir de non vencer ao PP...

Non pode ser Presidente quen insulta, quen ataca, quen morde e fire con exabruptos fora de lugar no canto de facer propostas para por solucións aos problemas deste país. Para governar precisase cordura, Fraga perdeuna.

Há medo porque o cambio galego é posíbel.

===
Publicado o 15/06/05 en Xornal.com, o 15/06/05 en Rebelion (En Español), o 15/06/05 en Diario Directo (En Español).

Comentarios

  • Fecha: Martes, 26 de Xullo de 2005
  • Hora: 17:01
  • Autor: Anonimus
  • Más discurso nacionalista del malo.

    Creo que tu problema es afectivo, además de no saber encauzar tu energía. Una pena que se te haya dado por el nacionalismo, con la de falta que hace mano de obra en los montes.

    Payaso